PEREIRA GONZÁLEZ, DIONISIO
Tomando como principal fío condutor do discurso a evolución do asociacionismo mariñeiro en Galicia na etapa contemporánea, Dionisio Pereira mergúllanos no desenvolvemento da conflitividade social e laboral no «Mar dos Galegos» dende finais do século XIX e comezos do XX, así como na represión que tras o golpe militar do 18 de xullo de 1936 se dirixiu contra todo este tecido individual e colectivo. Esta rede humana que turraba por unha riqueza compartida e un horizonte vital máis libre e igualitario foi, por iso mesmo, masacrada e marxinada.
Nesta obra, produto de moitos anos de traballos e investigacións potenciados coa singradura do chamado Barco da Memoria (2006), o autor tentou, como acto de xustiza e tamén como modesta semente de futuro, recuperar, relacionar e interpretar con rigor e veracidade anacos da «memoria dos vencidos» para retornalos aos seus herdeiros e a toda a cidadanía.
Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), cun estilo claro e conciso, ofrécelle ao lector todos os datos necesarios para entender a organización societaria dos mariñeiros galegos, dende o período anterior ao xurdimento do movemento obreiro ata a chegada da Guerra Civil e a posterior ditadura franquista.