ZUÑIGA, IOLANDA
Os relatos de Vidas post-it, que tiveron unha excelente acollida por parte da crítica e, sobre todo, dos lectores, constitúen o primeiro e sólido paso adiante dado na literatura por unha das autoras galegas revelación dos últimos anos: Iolanda Zúñiga, recente Premio Xerais de Novela.
Contemporáneos e fragmentarios, os de Vidas post-it son relatos curtos, concisos e veloces, que alimentan un receitario de tropezos na vida. Unha tras outra, predominan as situacións cotiás guiadas por condimentos universais: incomunicación, soidade, desamor, abismo, sexo, rutina, violencia, melancolía, drogas, medo e outras miserias que murchan, afogan e desesperan; todo adobado coa fugacidade, precisión e brutalidade da vida sen decorados.
Os post-it deste libro de Iolanda Zúñiga, escrito cunha prosa directa e rotunda, atractiva e imantada, son deseños veloces coma tráilers de películas que debuxan vidas marcadas polo naufraxio persoal ou colectivo, afondando no recuncho máis escuro e brutal da propia vida.